mércores, 15 de xuño de 2016

Visita do Lugo romano e da Casa-Museo de Manuel María en Outeiro de Rei

35 alumnos e alumnas pertencentes aos clubes de lectura do IES de Vilalonga participaron na saída que tivo lugar o pasado 19 de maio.

Á chegada á cidade de Lugo comezamos o roteiro cun breve percorrido pola muralla romana dende a Praza de Campo Castelo ata a Porta do Carmen ou Porta Miñá facendo unha parada na mosquera (onde está á única ventá conservada) na que unha alumna leu a Ode á cidade de Lugo de Manuel María. Na porta do Carmen limos a inscrición adicada ao trobador medieval Fernando Esquío, logo un alumno leu en voz alta un poema deste trobador e finalmente unha alumna leu un poema de Manuel María adicado a esta personaxe.

Continuamos o percorrido cara a Praza do Campo onde repartimos un plano da cidade  a cada un para logo dirixirnos á Domus de Mitreo onde un arqueólogo nos falou desta casa romana e os restos que aínda se poden ver nela.

Tras esta interesante visita entramos na catedral pola porta da Misericordia (excepcionalmente aberta este ano) para visitar o seu interior. Á saída admiramos o pórtico, o Bispado e a piscina romana na Praza de Santa María. Dirixímonos logo á Praza Maior na que se atopa o edificio do Concello para ir logo á Casa dos Mosaicos (unha casa romana baixo terra) na que nos explicaron as características da mesma e na que puidemos observar o magnífico mosaico que lle dá nome. Continuamos o noso percorrido cara á Praza de Santo Domingo coa súa aguia imperial e o convento de Sto. Domingo para ir logo cara ó Palacio de San Marcos, sede actual da Deputación diante da que se poden observar os restos dun acueducto romano.

Finalizamos o percorrido na Praza Maior onde tivemos tempo para comer e onde o alumnado fixo unha xincana que consistía en atopar o nome do autor ou autora aos que se referían unhas preguntas. As respostas se obtiñan lendo as inscricións das placas con bustos que hai na praza e na rúa contigua.O percorrido pola cidade foi acompañado de explicacións breves sobre a historia da cidade e os edificios máis emblemáticos da mesma.


Despois da pausa para comer e logo de facer a xincana collemos o autobús para ir á Casa Museo de Manuel María onde tiñamos cita para unha visita comentada e guiada. Durante esta visita puidemos coñecer un pouco mais este autor, a casa protagonista do seu libro “A casa de Hortas” e escoitar uns poemas interpretados con moito sentimento polo propio autor nun vídeo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario