domingo, 19 de febreiro de 2017

Entrevista a Manuel Rivas.

Un dos grupos do club de lectura de 2º de bacharelato anda mergullado nesta lectura.



Nesta entrevista, o escritor Manuel Rivas debulla unha parte do proceso de creación do libro, que estamos a ler cos clubs de letura de 2º de bacharelato, Todo é silencio. Así mesmo, tamén fai referencia ás relacións "eróticas" que teñen as súas obras, tanto esta, como A lingua das bolboretas do libro de relatos Que me queres, amor?, co cine.

Na primeira sesión, que dedicamos á lectura de Todo é silencio, debullamos, entre outras cousas, as relacións ente a literatura e o cine que aparecen na obra, nas  múltiples referencias cinematográficas e parámonos, tamén, a comentar a súa estrutura: "O silencio amigo" e "O silencio mudo".

N"O silencio amigo", as referencias literarias ó poema de Rosalía que aparece en Follas novas.
"Todo é silensio  mudo,
soidá,delor
onde outro tempo a dicha
sola reinou…"

"Nove Lúas ten un libro nas mans. Abriuno por abrir, mais foi pasando folla a folla e hai tempo que está ensumida na lectura
            - Que les?
            - Ten sucos de piollos,
            - E coméronlle as letras?
            - A ver, escribe!
            - Non sei. Non teño papel.
            - É igual, parvo! Escribe.Todo é silensio mudo …
            - Será silencio.
            - Pois aquí pon silensio. Por algo será." (páx. 61)
           
E n' "O silencio mudo" a do salmo 135 da Biblia,Canto dos elixidos. "Os ídolos dos xentís son prata e ouro, / feitura das mans dos homes. / Teñen boca e non falan, / teñen ollos e non ven, / teñen orellas e non oen / e non hai alento na súa boca. / Coma eles son os que os fan / e cantos neles confían". Nesta entrevista, o propio autor, engade unha frase pronunciada nun contexto brutal: " Non era dócil ó imperio da miña voz" para entender este silencio. Para seguir a profundizar nas fontes desta obra tamén é interesante a ligazón a esta entrevista do xornal El  País.

Na segunda sesión, que realizaremos mañá, compararemos varios aspectos da versión cinematográfica da película de José Luis Cuerda coa literaria que acabamos de ler.

Ningún comentario:

Publicar un comentario